Benvida do alcalde á delegación asturiana
29 10 10 - 10:37 Diario de Ferrol Vergara: “Areces ven a Cedeira a facer borrón e conta nova”
"Agradezo ao presidente do Principado de Asturias que accedese a vir para facer borrón e conta nova na historia de Cedeira". Con estas palabras, o alcalde de Cedeira, José Luís Vergara, mostraba onte a súa gratitude cara á delegación asturiana por implicarse tan directamente nun acto que, para o primeiro edil cedeirense, "é motivo de alegría por canto representa unha magnífica oportunidade de render homenaxe a toda a xente que estivo no campo de concentración e aos veciños de Cedeira que foron perseguidos polas súas ideas políticas durante a guerra civil e a ditadura". José Luís Vergara entende que o reencontro que se producirá mañá servirá para restituír a "dignidade política e moral" daquelas persoas que "nunca deberon ser acusadas de nada".
Neste sentido, adiantou a intención do seu goberno de entregar aos familiares daqueles que estiveron retidos no campo de concentración un certificado, emitido polo Concello, no que se recollerá o texto seguinte: "A memoria, cando acode á nosa chamada da man da verdade, móstranos o que fomos e nalgunhas ocasións ensínanos o que non deberiamos volver ser. O pobo de Cedeira vive hoxe asulagado pola dor do que xa non ten volta atrás. É o noso deber e o noso desexo devolver a todas aquelas persoas que sufriron en Cedeira a represión que trouxo consigo o golpe de estado de 1936, a través das súas familias, o seu dereito á inocencia".
A delegación asturiana que se desprazará á vila estará integrada por unhas 60 persoas, aproximadamente.
O presidente Vicente Álvarez Areces estará acompañado da viceconselleira de Seguridade e Emigración, María Teresa Ardiz -cuxo pai estivo retido no campo de concentración de Muros- e o viceconselleiro de Benestar Social, Angel González, entre outros responsables do seu goberno. Ademais dos actos oficiais, o Concello de Cedeira ofrecerá un xantar frío aos visitantes e aproveitará, así mesmo, a súa presenza para mostrar o potencial turístico e etnográfico dunha poboación que estes días vive precisamente os actos centrais dos festexos do Samaín.
Trackback link:Por favor, active o Javascript para xerar a url de trackback