Abarrote na estrea do documental
04 12 09 - 12:04 Diario de Ferrol O público abarrotou o Jofre na estrea do documental “O segredo da Frouxeira”A película documental "O segredo da Frouxeira" estreouse onte no Jofre no medio dunha grande expectación. Á hora na que abrían as portas do teatro (ás 19.30) había aínda longas colas na taquilla para coller as invitacións (gratuítas). De feito, houbo quen quedou fóra por falta de aforo (as normas de seguridade impiden que haxa xente de pé). O alcalde da cidade, Vicente Irisarri, comezou a súa intervención pedindo desculpas por este feito e asegurou que "a película vai poder ser visionada noutras ocasións".
O responsable deste éxito foi o equipo que, dirixido por Xosé Abad, e impulsado por Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán, converteu nun filme dunha hora o relato da morte de Alejandro Porto Leis, Modesto del Río, Jesús Miño Loureiro e Avelino Landeira Maneiras. Os catro foron fusilados polos golpistas, en 1937, polas súas ideas. Porto Leis era o alcalde republicano de Serantes e os outros tres axudárono a ocultarse. A investigación dun familiar político, Paulino Gasalla, máis de 70 anos despois do suceso, desvelou como a perversa manobra de converter en verdugos ás vítimas tivo consecuencias nas propias relacións da familia que, despois de colaborar na realización do traballo e de enfrontarse ó acontecido, superaron décadas de frialdade.
Xosé Abad, o director da cinta, asegurou que o espírito que move "O segredo da Frouxeira" é o de "recoñecer a verdade", sen ningún ánimo de vinganza. Trátase "de impedir o silencio e defender a dignidade de quen deron a vida pola liberdade", asegurou. Ademais, agradeceu o apoio de tódalas entidades a institucións que apoiaron o proxecto (entre elas o Concello de Ferrol) e tivo un especial agarimo polos membros de Bartoleta Teatro, "que interpretaron con altísima profesionalidade e forza dramática o acontecido na Frouxeira".
Tamén se uniu á petición de dedicarlle a Porto Leis e ós outros tres asasinados un espazo público. "Non podemos esquecer".
Vicente Irisarri, pola súa parte, louvou un traballo ó que o Concello se uniu desde o primeiro momento porque "era un proxecto no que un municipio democrático tiña que participar". Ademais, referiuse á súa "indubidable calidade" e tamén á importancia de coñecer e lembrar o que sucedeu na Guerra e na posguerra para "impedir que volva suceder". Por iso deu as grazas ós que defenderon a democracia. "Eles son o noso exemplo", apuntou.

Trackback link: http://nanosamemoria.com/pivot/tb.php?tb_id=39