Oito relatos vitais de represaliados
Xoves 18 Xuño 2009 as 1:08 pm “Retallos da Memoria II” recolle oito relatos vitais de represaliados
A asociación Memoria Histórica Democrática publica o segundo volume dunha serie que conta as historias de vida de represaliados na Guerra Civil e na posguerra. As propias vítimas ou os seus descendentes poñen voz a un traballo que explica o que pasou máis alá da teoría.
Os grandes feitos históricos teñen consecuencias na vida cotiá dos cidadáns e esas pequenas historias son as que rescata a serie “Retallos da memoria”. A Guerra Civil e a represión que seguiu durante a ditadura non só acabou coa vida de milleiros de persoas, senón que marcou para sempre a dos seus familiares, moitas veces perseguidos e acosados ata verse obrigados a marchar do país.
Os pais de Leonisa Arias Méndez, comunistas, estiveron agochados durante anos mentres ela pasaba de casa en casa durante a Guerra e xa nos tempos máis duros da fame e rebelábase contra as imposicións relixiosas no colexio ou contra os insultos que contra ela proferían os seus compañeiros e tamén os adultos. A persecución chegou ó punto de que o seu proxenitor, tras aprobar oposicións a Correos, tivo que escapar a Francia porque o acoso facíalle imposible vivir no seu país.